Thursday 28 de March de 2024

O Pleno de Trazo deste venres deberá dar cumprimento á sentenza que declara ilegal a aprobación dos orzamentos de 2018


 

A sentenza firme do Xulgado Contencioso-Administrativo nº 3 da Coruña recolle que o ex alcalde José Dafonte actuou de forma irregular ao rexeitar o recurso do PSOE aos orzamentos sen pasar polo Pleno

O Pleno municipal de Trazo, que terá lugar este venres 29 de novembro, deberá dar cumprimento á sentenza en firme que declara ilegal a aprobación dos orzamentos de 2018. Así está obrigado o Goberno municipal a raíz da sentenza xudicial en firme do Xulgado Contencioso-Administrativo número 3 da Coruña que ditamina que o ex alcalde de Trazo, o popular José Dafonte, actuou de forma irregular ao rexeitar un recurso presentado polo PSOE aos orzamentos municipais de 2018.

A portavoz dos socialistas de Trazo, Beatriz Domínguez, explica que “o señor Dafonte cometeu unha ilegalidade ao rexeitar el de forma persoal o recurso que presentamos dende o PSOE de Trazo aos Orzamentos de 2018, xa que a lei indica que esta decisión lle corresponde única e exclusivamente ao Pleno”. Neste sentido, Domínguez Siaba sina que “nós alegamos contra aquela irregularidade e agora descoñecemos como vai facer o actual PP de Trazo para dar cumprimento a esta sentenza, toda vez que os orzamentos xa están executados e non dispón da maioría absoluta que si tiña o anterior alcalde para sacar adiante os asuntos plenarios”.

Pero, independentemente das consecuencias que poida ter o cumprimento desta sentenza, os socialistas remarcan que “o acontecido amosa unha forma soberbia e prepotente de facer política da que a xente está moi cansa. A xustiza deunos a razón e agora tócalle ao PP cumprir”.